Friday 10 de May de 2024

Todos os sábados de verán haberá música na rúa en Santa Cristina, Santa Cruz e Mera


O programa Música na rúa regresa un ano máis ás localidades máis turísticas de Oleiros. O Concello segue a promover o lecer e o turismo, neste caso, a través da animación musical das terrazas dos establecementos hostaleiros situados en Santa Cristina, Santa Cruz e Mera.

Os concertos celebraranse as noites dos sábados durante os meses de xullo (de 20:30 a 22:30) e agosto (de 20:00 a 22:00). Participarán diferentes grupos de estilos moi variados que darán ambiente ás terrazas con música jazz, salsa, blues, rumba, pop, flamenco…

Este programa apoia a imaxe de Oleiros como un destino atractivo, distinto e de calidade para gozar do verán. En total haberá 36 actuacións para atraer clientela ás terrazas e favorecer a actividade da hostalería.

O sábado comezan as actuacións cos concertos de Steel Wire en Santa Cruz (praza do Castelo), Calle Rumba en Santa Cristina (praza Afundida), Alda Varez & Richi Ponce tamén en Santa Cristina (zona La Encina) e As Lens en Mera (fronte á Perla).